Sunday, November 15, 2009

Raiola en Dombodán


Raiola Teatro no III CICLO DE TEATRO AFECCIONADO DE OUTONO –Dombodán-Arzúa.

Función con calor e bebé protestón.

Actuar a ras de chan achega os cómicos aos espectadores; evita o esforzo da proxección de voz e a perda, no fraseo, dalgunha palabra-clave por parte do cercanísimo público ao que lle toca, por outra parte, ver a obra con máis dificultades que cando mira ao alto, a un escenario.
Dombodán soa a mozote alto e forte, de acolledor abrazo, mirada nobre e gargallada aberta; soa tamén a igrexa entre carballos, nogueiras e cans que dormen a perna solta na tranquila calzada parroquial. Dombodán soña con morder as cereixas grandes, frescas e avermelladas que saben a labios de patinadora. Dombodán é un bondadoso abade, en delgado; é un riso de iluminación natural; é unha pequena vila, sen emisora local, aínda pero cun local SOCIAL que, ateigado, escoita, ri, aplaude e agradece, cunha exquisita educación teatral, a actuación dun grupo afeccionado que se entrega, e nótaselle, en cada función.
Dombodán é un xavier predicador da cultura histórica galega e universal. E como bo predicador e doador de palabras, chegará a formarse como inventor das mesmas e por iso, é atraínte e por moitas outras razóns, quéreselle.
Raiola, Padrón como Dombodán, será teu.

Ququi Naveira – A Coruña.

Función: 8 de novembro de 2009.
Local Social de Dombodán ás 18 h.

Funcións próximas: 27 de novembro, Concello de Padrón.

No comments:

Post a Comment